martes, 14 de abril de 2015

Dende Vindolanda a Lucus Augusti: presentación do proxecto



Vindolanda era un pequeno castrum (forte) romano do norte de Britania. A súa construción comezara arredor do ano 85 da nosa era a súa gornición tiña como misión controlar a área circundante. Uns corenta anos despois comezou a levantarse o chamado Muro de Hadrián como limes entre a provincia romana e as indomables terras escocesas (Caledonia para os romanos). Aínda que Vindolanda ficou a algunhas millas ao sur do muro, pasou a formar deste sistema defensivo. O forte foi reconstruído en varias ocasións e foi usado polas tropas imperiais ata o remate da dominación romana en Britania, acontecida a comezos do século V. En 1973 descubríronse nas escavacións arqueolóxicas de Vindolanda unhas pequenas e finas taboíñas de madeira manuscritas cunha pluma de cana e tinta elaborada a base de cinza nun máis ca aceptable estado de conservación. Estes documentos teñen unha gran importancia porque son únicos no occidente do Imperio. Noutras áreas do mundo romano (Exipto, Siria) tamén foron atopados manuscritos sobre papiro de características semellantes. As taboíñas de Vindolanda teñen un contido moi heteroxéneo. Inclúen dende documentos oficiais das unidades militares da gornición  ata cartas persoais das persoas residentes nel. A maioría delas foi escrita entre os anos 92 e 105 cando o castrum servía de base á 9ª Cohorte Bátava, unha unidade auxiliar recrutada en terras dos actuais Países Baixos, pero tamén pasaron por alí soldados da 1ª Cohorte Tungria, procedente do norte da Galia, e dacabalería hispana.Hipótese de traballo:Con estes datos vouvos formular unha hipótese para un pequeno traballo de investigación: un dos oficiais da cabalería hispana, cidadán romano orixinario de Lucus Augusti, ao que teremos que pór nome, consegue, logo de moitos anos de servizo no exército imperial, licenciarse en Vindolanda. Decide retornar á súa cidade natal e vai escribindo nun diario, que rexistra nunhas taboíñas como as de Vindolanda, as vicisitudes da súa viaxe polas terras do Imperio. Lembrará tamén as súas orixes e as vicisitudes da súa vida castrense.A narración, que debe ter un mínimo rigo histórico, debe responder, alomenos, ás seguintes cuestións:
  • Quen era o noso xinete?
  • De quen viña sendo?
  • Que vicisitudes o agardaban durante a súa viaxe?
  • Canto tempo duraría?
  • Que medios de transporte podería utilizar?
  • Por que lugares pasaría?
  • Quen o agardaría á volta?
Organización e produto resultante:
Para a realización do traballo, organizarédesvos en grupos de 3-4 compoñentes. Cada un deles terá que elaborar un produto que responda ás cuestións formuladas. Este poderá ofrecerse en diversas presentacións. Ofrecémosvos tres alternativas:
  • Un traballo GOOGLE.MAPS, que nos permita seguir a viaxe do protagonista, vías, localidades, medios de transporte.
  • Un caderno de bitácora ou blogue elaborado a xeito de diario de viaxe. A ferramenta blog do portfolio AGUEIRO pode servirvos. Tamén poderedes utilizar outras ferramentas como BLOGGER, WORDPESS, TUMBLR, etc.
  • Un taboeiro virtual a xeito de albúm de imaxes e apuntamentos da viaxe. Neste sentido, a web 2.0 ofrece diversas alternativas: PADLET.COM, LINOIT.COM, GLOGSTER.COM para recompilar e intercambiar información e presentar o produto final.
  • Non obstante, poderedes utilizar calquera outra opción que consideredes e responda á proposta realizada. Iso sí, deberedes comunicar a vosa intención.
Obxectivos de aprendizaxe:
  •  Situar cronoloxicamente as principais etapas históricas do Imperio romano e as de Hispania e Gallaecia baixo a súa dominación.
  • Identificar as formas de goberno e principais institucións romanas.
  • Coñecer os compoñentes e consecuencias do proceso de romanización en Hispania e na Gallaecia.
  • Enumerar os principais trazos da sociedade, a economía e a relixión romanas.
  • Describir o papel do exército no Imperio romano.
  • Obter, interpretar e integrar información procedente de diferentes fontes (escritas, gráficas, audovisuais....)
  • Elaborar fichas, esquemas, resumes e pequenas monografías de contido histórico.
  • Localizar e analizar os elementos básicos do medio natural e as interaccións entre eles e os grupos humanos.
Reconstrución do Forte de Vindolanda
FONTE: http://www.clanjames.com/vindolanda_0001.jpg

No hay comentarios:

Publicar un comentario