jueves, 16 de abril de 2015

Lucus Augusti e os lucenses

Para achegarte á historia da cidade romana de Lucus Augusti podes botar unha ollada a estes dous videos:


 


Debes ter en conta, ademais, que a nova cidade de Lucus Augusti foi fundada nun territorio ocupada por diversas comunidades, moitas delas habitaban en castros como o de Viladonga.

No espazo galaico, igual que, en xeral, no hispano, non atopamos documentos escritos semellantes aos achados en Vindolanda. Tódolos textos de que dispoñemos son de carácter epigráfico, isto é, inscricións en lápidas funerarias, en aras adicadas a diversas divindades, en miliarios a carón das vías, etc. En xeral, os textos son moi curtos pero infórmanos sobre os nomes, as familias, a condición social, as crenzas dos habitantes de Lucus Augusti e o seu contorno. Aquí tedes algúns exemplos:

Epígrafe de Festia Licinia (Museo Provincial de Lugo), cit. en RODRÍGUEZ COLMENERO, A., Lvcvs Avgvsti. A cidade romano-xermánica da Fisterra Ibérica. Xénese e evolución histórica (14 a.C.-711 d.C.), Lugo, Concello de Lugo-SMA, 2011, p. 70.
Consagración aos Deuses Manes.
Marco Aurelio faille fai esta dedicatoria á súa queridísima esposa Festia Licinia, orixinaria da Coelernia e morta aos 30 anos de idade para que ti lle poidas dicir: que a terra che sexa leve.

Epitafio de Xulio Rufino Leoncio (Museo Provincial de Lugo, cit en RODRÍGUEZ COLMENERO, A., op. cit., p. 65.
Consagración aos Deuses Manes.
Erixen este epitafio ao seu fillo piadosísimo Iulius Rufinus Leontius, extabulario e cidadan asturicense, morto aos 27 anos, seu pai Rufonius Rufinus e as súa nai Rufia Paterna.

Estela funeraria do Museo Provincial de Lugo
, CC-BY-SA DivesGallaecia via FLICKR.COM.


martes, 14 de abril de 2015

As taboíñas de Vindolanda.

ATRIBUCIÓN: "Roman writing tablet 02" by Michel wal (travail personnel (own work)). CC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons 
As maioría das taboíñas de Vindolanda foron descubertas no que fora un monte de lixo situado a carón dunha das esquinas da vivenda do comandante da gornición. Outras apareceron ciscadas por outros puntos do xacemento. En total suman máis de 700.
As cartas están feitas sobre finas láminas de madeira (1-3 mm.) de bidueiro, ameneiro ou carballo. En xeral, o seu tamaño é semellante ao dunha tarxeta postal actual. Cando os documentos eran máis longos atábanse varias taboiñas a través dun burato perforado na marxe. Os textos foron manuscritos cunha tinta fabricada a base de carbón.
Diversas razóns explican a importancia outorgada a estes documentos dende os primeiros descubrimentos en 1973. Por unha banda, trátase dun conxunto de manuscritos excepcional nas rexións occidentais do Imperio Romano, onde a inmensa maioría da documentación escrita é de carácter epigráfico (inscricións).  Só nas terras orientais do Imperio (Exipto, Siria) se poden atopar algúns conxuntos manuscritos e semellante relevancia realizados -iso si- sobre papiro. Por outra banda, o seu valor deriva do seu mesmo contido. Boa parte delas son documentos oficiais da gornición (informes, recontos de homes e material, peticións). Pero tamén hai cartas de carácter persoal que nos falan da vida cotiá dos soldados e civís residentes no interior do castrum. Por último, cómpre destacar que os remitentes e destinatarios destas cartas son moi numerosos e que a caligrafía é moi diversa. Non se recorreu, polo tanto, a un escribáns especialistas para a súa realización. Pódese deducir -con tódalas cautelas- que o nivel de alfabetización no exército romano era bastante elevado, aínda máis se consideramos que Vindolanda era unha gornición afastada no norte de Britania que servía de base a unidades auxiliares.
Véxamos algúns exemplos:
------------------------------
18 de maio.
Número total de compoñentes da 1ª Cohorte dos Tungrios, baixo o mando do prefecto Iulius Verecundus, 752, incluíndo 6 centurións.
Deles estan ausentes: 46 gardas do gobernador en Londinium [Londres]; 337, incluíndo 2 centurións, en Coria baixo o mando de Ferox; 1 centurión en Londinium [...]. Total de ausentes: 456, incluíndo 5 centurións.
Permanecen na gornición actualmente 296 homes, incluíndo un centurión. Destes, 31 non son aptos para o servizo: 15 enfermos, 6 feridos, 10 que sofre inflamación dos ollos. Restan dispoñibles para o servizo 265 homes, incluíndo 1 centurión.
------------------------------
Os brítanos non levan armadura para protexerse. Hai moitos xinetes pero non usan espadas. Os desgraciados brítanos tampouco montan para lanzar xavelinas.
------------------------------
Como corresponde a un home honrado, rógovos que non permitades que eu, un home iocente, sexa azoutado con varas, señor. Non puiden reclamar ao prefecto porque este se retrasou por mor da enfermidade e queixeime sen resultado ante o seu axudante principal e o resto dos centurións da unidade. Por todo isto, rogo da vosa misericordia que non permitades que eu, un home estranxeiro e inocente, cun bo nome sobre o que podedes informarvos, sexa azoutado con varas como se cometese algún crime.
------------------------------
Claudia Severa á súa querida Lepidina. Saúdos
Irmá, mándoche para o 11 de setembro, día no que celebraremos o meu aniversario, un cálido convite para asegurar que ti virás pasalo connosco. A túa presenza fará que este día sexa máis gozoso para mín.
Dálle recordos ao teu Cerialis. O meu Aelius e o meu fillo pequeno mándanlle temén os seus saúdos. Agardamos por ti, irmá.
Ata a vista, irmá, a miña máis querida alma. Cos meus mellores desexos.
Para Sulpicia Lepidina, muller de Ceriales, de Severa.
------------------------------
Mándoche dous pares de calcetíns dende Sattua, dous pares de sandalias e dous pares de calzóns [...] Tetricus e tódolos teus compañeiros piden comigo que teñas na túa vida a mellor das fortunas.
------------------------------
Severus ao seu Candidus, saúdos.
En relación aos … para  celebración da Saturnalia [festividade que tiña lugar a mediados de decembro], pídoche, irmán que mires por eles a unprezo de 4 ou 5 ases [moeda romana de cobre] e por rábanos por unha contía de non menos de medio denario [moeda romana de prata].
Adeus, irmán.
A Candidus, ecravo do prefecto Genialis, de Severus, escravo de...
------------------------------
Podedes ver tódalas taboíñas de Vindolanda e a súa tradución (lamentablemente só ao inglés) neste enderezo:http://vindolanda.csad.ox.ac.uk/index.shtml
----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Neste vídeo do CANAL HISTORIA sobre o muro de Hadrián podes atopar máis información sobre Vindolanda, as súas taboíñas e a Britania romana 

Dende Vindolanda a Lucus Augusti: presentación do proxecto



Vindolanda era un pequeno castrum (forte) romano do norte de Britania. A súa construción comezara arredor do ano 85 da nosa era a súa gornición tiña como misión controlar a área circundante. Uns corenta anos despois comezou a levantarse o chamado Muro de Hadrián como limes entre a provincia romana e as indomables terras escocesas (Caledonia para os romanos). Aínda que Vindolanda ficou a algunhas millas ao sur do muro, pasou a formar deste sistema defensivo. O forte foi reconstruído en varias ocasións e foi usado polas tropas imperiais ata o remate da dominación romana en Britania, acontecida a comezos do século V. En 1973 descubríronse nas escavacións arqueolóxicas de Vindolanda unhas pequenas e finas taboíñas de madeira manuscritas cunha pluma de cana e tinta elaborada a base de cinza nun máis ca aceptable estado de conservación. Estes documentos teñen unha gran importancia porque son únicos no occidente do Imperio. Noutras áreas do mundo romano (Exipto, Siria) tamén foron atopados manuscritos sobre papiro de características semellantes. As taboíñas de Vindolanda teñen un contido moi heteroxéneo. Inclúen dende documentos oficiais das unidades militares da gornición  ata cartas persoais das persoas residentes nel. A maioría delas foi escrita entre os anos 92 e 105 cando o castrum servía de base á 9ª Cohorte Bátava, unha unidade auxiliar recrutada en terras dos actuais Países Baixos, pero tamén pasaron por alí soldados da 1ª Cohorte Tungria, procedente do norte da Galia, e dacabalería hispana.Hipótese de traballo:Con estes datos vouvos formular unha hipótese para un pequeno traballo de investigación: un dos oficiais da cabalería hispana, cidadán romano orixinario de Lucus Augusti, ao que teremos que pór nome, consegue, logo de moitos anos de servizo no exército imperial, licenciarse en Vindolanda. Decide retornar á súa cidade natal e vai escribindo nun diario, que rexistra nunhas taboíñas como as de Vindolanda, as vicisitudes da súa viaxe polas terras do Imperio. Lembrará tamén as súas orixes e as vicisitudes da súa vida castrense.A narración, que debe ter un mínimo rigo histórico, debe responder, alomenos, ás seguintes cuestións:
  • Quen era o noso xinete?
  • De quen viña sendo?
  • Que vicisitudes o agardaban durante a súa viaxe?
  • Canto tempo duraría?
  • Que medios de transporte podería utilizar?
  • Por que lugares pasaría?
  • Quen o agardaría á volta?
Organización e produto resultante:
Para a realización do traballo, organizarédesvos en grupos de 3-4 compoñentes. Cada un deles terá que elaborar un produto que responda ás cuestións formuladas. Este poderá ofrecerse en diversas presentacións. Ofrecémosvos tres alternativas:
  • Un traballo GOOGLE.MAPS, que nos permita seguir a viaxe do protagonista, vías, localidades, medios de transporte.
  • Un caderno de bitácora ou blogue elaborado a xeito de diario de viaxe. A ferramenta blog do portfolio AGUEIRO pode servirvos. Tamén poderedes utilizar outras ferramentas como BLOGGER, WORDPESS, TUMBLR, etc.
  • Un taboeiro virtual a xeito de albúm de imaxes e apuntamentos da viaxe. Neste sentido, a web 2.0 ofrece diversas alternativas: PADLET.COM, LINOIT.COM, GLOGSTER.COM para recompilar e intercambiar información e presentar o produto final.
  • Non obstante, poderedes utilizar calquera outra opción que consideredes e responda á proposta realizada. Iso sí, deberedes comunicar a vosa intención.
Obxectivos de aprendizaxe:
  •  Situar cronoloxicamente as principais etapas históricas do Imperio romano e as de Hispania e Gallaecia baixo a súa dominación.
  • Identificar as formas de goberno e principais institucións romanas.
  • Coñecer os compoñentes e consecuencias do proceso de romanización en Hispania e na Gallaecia.
  • Enumerar os principais trazos da sociedade, a economía e a relixión romanas.
  • Describir o papel do exército no Imperio romano.
  • Obter, interpretar e integrar información procedente de diferentes fontes (escritas, gráficas, audovisuais....)
  • Elaborar fichas, esquemas, resumes e pequenas monografías de contido histórico.
  • Localizar e analizar os elementos básicos do medio natural e as interaccións entre eles e os grupos humanos.
Reconstrución do Forte de Vindolanda
FONTE: http://www.clanjames.com/vindolanda_0001.jpg

jueves, 12 de marzo de 2015

O relevo terrestre

Podes practicar a localización de elementos fundamentais do relevo terrestre nestas ligazóns de Educaplay:
Proba sorte e vai anotando os teus resultados. Tamén podes revisar os clásicos mapas flash interactivos de Enrique Alonso na web http://serbal.pntic.mec.es/ealg0027/mapasflash.htm


viernes, 16 de enero de 2015

A formación do relevo terrestre

1.-A ESTRUTURA INTERNA DA TERRA.

 Fonte: http://geoprhartman.blogspot.com.es/

2.-A SUPERFICIE TERRESTRE: CONTINENTES E OCÉANOS.
Fonte: Banco de recursos do CNICE.
Practica cos mapas flash interactivos do profesor Enrique Alonso.

3.-A XÉNESE DO RELEVO.


  • Animacións sobre

    • as corrente de convección do manto (video).
5.-AS FORMAS DO RELEVO.

FONTE: http://jadonceld.blogspot.com.es/2012/06/el-relieve-submarino-y-las-fosas.html

viernes, 24 de octubre de 2014

A representación da Terra




Sobre as orixes do planeta podedes ver este breve documental de CANAL DE HISTORIA ví YOUTUBE.

1.-A TERRA NO UNIVERSO.

  • Unha útil presentación interactiva de carácter xeral en LIBROS VIVOS da Editorial S.M.
  • Sobre os movementos de rotación e translación e a súa influencia consulta os simuladores dos raios solares e dasestacións na páxina ClassAction da Universidade de Nebraska-Lincoln
2.-A REPRESENTACIÓN DA SUPERFICIE TERRESTRE.
  • Unha boa presentación sobre o tema nesta ligazón.
  • Unha boa presentación sobre a representación da terra e os tipos de mapas de rubempaul en SLIDESHARE:
  • Podes xogar co simulador de coordenadas xeográficas LONGLAT 
  • Para coñecer as coordenadas xeográficas de calquera punto da superficie terrestre podes utilizar ITOUCHMAP.
  • Para entender os fusos horarios observa este mapamundi que amosa a hora actual en calquera punto do noso planeta.



      
      

      A Prehistoria: introdución

      A HISTORIA consiste no estudio científico da vida dos homes no pasado. O tempo histórico divídese convencionalmente en etapas definidas por uns límites cronolóxicos e algúns trazos comúns. A PREHISTORIA constitúe o primeiro destes períodos. Abrangue dende a aparición do ser humano no planeta, hai preto de 3.000.000 anos, ata o descubrimento da escritura, acontecido no IV milenio a.C. Representa, polo tanto, a meirande parte da historia da humanidade. 

      O PROCESO DE HOMINIZACIÓN.

      O primeiro problema que presenta o estudio da Prehistoria consiste na determinación do momento de aparición do home sobre o planeta Terra. Neste sentido, hai que ter en conta que o home actual é o resultado dun longo proceso evolutiva, a hominización, que comezou cos seus primeiros devanceiros, denominados homínidos, Hai que ter en conta que o home actual é o resultado dun longo proceso evolutivo, a hominización,  que comezou cos seus primeiros devanceiros, denominados homínidos, hai máis de 5.000.000 anos. Este proceso materializouse nunha serie de cambios anatómicos e culturais. Entre eles compre salientar:
      • A marcha bípeda e a posición ergueita permitiron a ampliación do campo visual e a liberación das mans que, unida ao desenvolvemento do polgar opoñible, facilitaron a elaboración de utensilios.
      • O aumento da capacidade do cranio e, conseguintemente, do volume do cerebro. Parellamente a fronte aplanouse, apareceu o queixo e diminuíu o tamaño das mandíbulas e dos dentes.
      • O desenvolvemento dunha linguaxe articulada, que posibilitou a transmisión dos coñecementos de xeración en xeración e o desenvolvemento das actividades intelectuais (arte, crenzas...)
      FONTE: http://berkeley.edu/news/media/releases/2009/10/images/ardi-timelineHR.jpg
      Reconstrución facial do homo habilis
      Atribución: By CICERO MORAES
      (Own work) [CC-BY-SA-3.0],
      via Wikimedia Commons
      Aínda que os científicos seguen sen pórse de acordo sobre o desenvolvemento concreto do proceso de hominización, si hai un certo consenso en considerar ao homo habilis, que habitou no continente africano entre hai 2'5 e 1'5 millóns de anos, como o primeiro representante do xénero humano ao ser quen de elaborar os seus utensilios (de aí a súa denominacion). A partir del identíficanse diversos especimes que sinalan as etapas da evolución ata o home actual:
      • O homo erectus (dende hai 1'7 millón de anos ata hai uns 400.000) foi a primeira especie que saiu do continente africano expándendose por Asia e Europa. Coñecía e usaba o lume e poida que utilizase as primeiras formas de linguaxe.
      • O homo neanderthalensis habitou en Europa e Asia occidental entre hai uns 230.000 e uns 25.000 anos. Durante un logo período de tempo conviviu na súa área de difusión co home actual. Malia as semellanzas co home actual non se trata dun antepasado directo del senón dunha póla paralela da árbore evolutiva humana. Foi quen de fabricar lume, de elaborar ferramentas cada vez máis especializadas e de desenvolver un certo sistema de crenzas (enterramento dos mortos, probable culto ao oso cavernario).
      • O homo sapiens, aparecido no continente africano hai máis de 150.000, é a especie da que formamos parte. Estendeuse por tódolos continentes e comezou a desenvolver un complexo mundo intelectual que ten na arte (pintura rupestre, gravado, escultura...) a súa manifestación máis sobranceira.
      Para ampliar os teus coñecementos sobre o proceso de hominización podes ir ás seguintes ligazóns:
      DEL SIMIO AL HOMBRE MODERNO
      BECOMING HUMAN
      HANDPRINT: HUMAN EVOLUTION
      JOURNEY OF MANKIND
      http://www.bradshawfoundation.com/journey/

      AS ETAPAS DA PREHISTORIA.

      Para o seu estudio, os investigadores adoitan dividir a Prehistoria en diversos períodos articulados segundo aparece nesta ilustración:
      Se utilizamos unha táboa de entrada múltiple, poderemos ter unha comprensión máis axeitada das mudanzas acontecidas durante a Prehistoria.